Un novo libro: NOVOS PASOS POR BRETAÑA
Neste mes de xaneiro de 2014 chega ás librerías o meu
novo libro: NOVOS PASOS POR BRETAÑA editado por Xerais. Un libro sinxelo froito
das experiencias vividas durante as
catro visitas que fixen a Bretaña nos últimos anos, e inspirado por lecturas
anteriores, sobre todo pola obra “AS CRUCES DE PEDRA NA BRETAÑA” de Castelao e
polas “CRÓNICAS DO SOCHANTRE” de Álvaro Cunqueiro, ademais doutros artigos, referencias
bibliográficas e documentais.
Porén, considero que é una obra o suficientemente
ampla como para debullar una viaxe persoal que poida provocar no lector a
necesidade da súa propia viaxe, dos seus propios pasos polas terras da antiga
Armórica. Así lle pareceu a Manuel Bragado, director de Edicións Xerais de
Galicia, xa que pensou que con este libro podería arrancar a serie de viaxes da
colección Crónica.
No libro, o texto vai acompañado por unha manchea de
fotografías relacionadas cos capítulos da obra; capítulos que ademais de buscar
as pegadas de Castelao e Cunqueiro, pretenden debullar as diferentes Bretañas:
a do mar e a do interior, a das lendas de Merlín, o rei Arturo e as fadas, en
todo o territorio e particularmente no bosque de Broceliande, coñecidas como a “Materia
de Bretaña”, a Bretaña medieval e a
moderna, cun percorrido polos castelos máis espectaculares, a dos piratas e
corsarios da Costa de León ou de Saint Malo, sen esquecer a mítica Armórica
repleta de restos arqueolóxicos como os aliñamentos de menhires, non so en
Carnac, dolmens e outros restos de megalitos.
Neste blog irei reflectindo a viaxe do propio libro NOVOS
PASOS POR BRETAÑA, pero tamén incorporarei
galerías fotográficas, anécdotas, lembranzas e historias que van complementar
ao propio libro.
![]() |
| Pemón Bouzas en Point du Raz, o finis terrae bretón |
Benvidos a esta viaxe por BREITH, Bretaña en bretón.


Comentarios
Publicar un comentario